Con esa bagaxe, afirma rotundo que os viños de Betanzos teñen aínda por facer ese mesmo percorrido que nas últimas décadas fixeron os viños das denominacións de orixe de Galicia e que están a empezar tamén na actualidade outras zonas con IGP, como a Ribeira do Navia, os viños de Iria e Barbanza e a comarca do Morrazo.
Pagos de Brigante é unha aposta decidida pola profesionalización dos viños de Betanzos, por convertelos en homologables en calidade aos que xa se fan noutras zonas de Galicia e do mundo, pero mantendo as características que lles son propias e que os diferencian.
O enfoque do proxecto é claramente empresarial, cun investimento previsto duns 600.000 euros, dos que 200.000 están xa capitalizados en forma de activos (viñedo e adega). Os dous Luíses, pai e fillo, son os socios da SL, que conta cun equipo profesional en cada unha das facetas da empresa: Juan Veiga como xerente, Guillaume Barrier como director técnico, Maruxa en labores administrativos e de I+D+i e Diego no coidado das leiras.